Blog

28 SEP

'A pulga espacial' escollida como finalista da XX edición do Premio Frei Martín Sarmiento

Os nosos máis sinceiros parabéns por este recoñecemento para os autores, Alba de Evan e Xabier Domínguez, e para o seu ilustrador, Davide Ortu.
'A pulga espacial' escollida como finalista da XX edición do Premio Frei Martín Sarmiento

Vimos de coñecer que o libro 'A pulga espacial', escrito por Alba de Evan e Xabier Domínguez e ilustrado por Davide Ortu, está nominado na segunda categoría (3º e 4º de primaria) da XX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento. Hai días nos que ata unha editora pode chegar a quedar sen palabras. Certamente, non atopamos as ideais para transmitir a mestura de ledicia, orgullo e agradecemento que hoxe sentimos.

Detrás de cada historia que publicamos hai toneladas de cariño e centos de horas de traballo de autores, editores, ilustradores e imprentas. Despois, esa obra ten que chegar á persoa que quere ler unha nova aventura, un traballo que fan as mil marabillas nas librarías e nas bibliotecas. Este recoñecemento é para todas as persoas que no voso día a día facedes posible que poidamos seguir contando historias. Infinitas grazas!

 

UN PREMIO CON DOUS DÉCADAS DE HISTORIA

 

O premio Frei Martín Sarmiento naceu no ano 2003 co obxectivo fundamental de fomentar a lectura do libro en galego entre o alumnado pertencente á rede de Escolas Católicas.

Este galardón, que leva o nome dun grande ilustrado do século XVIII amante da lingua, da cultura e do noso país, é un dos máis queridos para a nosa federación. Cada ano, un grupo de profesores le as novidades publicadas polas distintas editoriais ao longo do curso. Deste proceso saen os finalistas nas seis categorías: Infantil; 1ª categoría: 1º e 2º de Primaria; 2ª categoría: 3º e 4º de Primaria; 3ª categoría: 5º e 6º de Primaria; 4ª categoría: 1º e 2º ESO; 5ª categoría: 3º e 4º ESO; 6ª categoría: Bach e adultos.

Posteriormente, ao redor de 3.000 alumnos/as participan nas lecturas dos libros finalistas e, tras as súas valoracións, coñecemos quen é o autor/a gañador de cada ano. Para valorar as obras, remitimos aos colexios unha ficha coas categorías e o alumnado só ten que que ter en conta un criterio: “Que libro che gusta máis?”. Deben puntualo de 1 a 5.

A obra que obteña máis puntuación, será a gañadora. Os galardóns entréganse nunha cerimonia a finais de maio, xunto cos galardoados no certame de curtametraxes REC.curta, á que asisten os autores/as gañadores, representantes das editoriais, o secretario xeral de Política Lingüística e as coordinadoras territoriais dos EDLG, representantes do Festival de Cans, ademais de profesorado, alumnado e pais dos nosos colexios.

 

FINALISTAS   DA  XX  EDICIÓN DO  PREMIO  FREI MARTÍN  SARMIENTO

 

Infantil

Caderno de cores e cancións. Magín Blanco e Sonia García (ilustr.). Galaxia

A pantasma colorida. Gema García e Rocío Pedreira (ilustr.). Hércules de Ediciones

1ª  categoría

Contos que caben nunha man. Carlos López e Uxía Pin (ilustr.) Oqueleo

Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente. Ramón D. Veiga e Iván R. (ilu) Edicións Embora

2ª categoría

A pulga espacial. Xabier Domínguez e Alba de Evan. Cumio

Malvarina. Quero ser bruxa. Susanna Isern-Laura Proietti. Triqueta editora

3ª categoría

Ronia. A filla do bandoleiro. Astrid Lingrend. Sushi Books

lice e Sándala. Xoán Babarro. Antela Editorial

4ª categoría

Cicuta para dous. Rocío Leira. Xerais

Historias fascinantes da ciencia en Galicia. Edurardo Rolland e Manuel Rey. Edicións Embora

5ª categoría (tradución)

O misterio do cuarto amarelo. Gaston Leroux. Tradución: Laura Corral. Aira editorial.

Un feiticeiro de Terramar. Historias de Terramar I. Úrsula K. Le Guin. Tradución Tomás G. Ahola. Boadicea editora.

6ª categoría

Territorio descoñecido. Luis Leante. Rodeira-Edebé

A saga das curandeiras. Marisa Castro. Hércules de Ediciones

Volver